Sunday 05 de May de 2024

A devoción volveu saír á rúa na honra do Nazareno


Terceiro domingo do mes de setembro, día do Nazareno. A procesión votiva das mortallas volveu percorre-las rúas do núcleo urbano da Pobra do Caramiñal co paso marcado por diversas agrupacións musicais. Pasadas as 10.30 horas, a comitiva partiu da igrexa de Santiago do Deán coa cor morada e o olor da cera das candeas prendidas dos/as fieis.

Unha festividade que se caracteriza pola participación de cadaleitos, neste ano, seis, ofrecidos por quen sandou dunha enfermidade ou evitou a morte. A devoción palpábase na localidade. Unha vez chegada a imaxe á Covecha, lanzáronse as tradicionais bombas de palenque e contouse coa intervención musical da coral Lauda Sion, momento no que as persoas asistentes pasaron polo Nazareno diversas pertenzas para que así lles transfira a súa protección.

O acto tamén contou con autoridades municipais da Pobra do Caramiñal, ademais de sumarse de Ribeira e Dodro, así como representantes dos corpos de seguridade.

Co obxectivo de que este multitudinario evento se desenvolvese sen incidentes, despregouse un amplo operativo de seguridade e emerxencias.

Declarada Festa de Interese Turístico Galego, o grande espectáculo de fogos artificiais e acuáticos dende o paseo dos Areos no luns 18 servirá de colofón a catro días de celebración.